A Chán da Moura
“Por riba da pía (refírese a unha pía megalítica emprazada nun pequeno outeiro preto da aldea de Francelos, que pertence ao termo municipal de Ribadavia) púñase no abrente unha fermosa moura que peiteaba os seus cabelos cun peite de ouro. A xente adoitaba falar dela, da sua beleza, dos segredos que agochaba, ainda que poucos a viran, e sempre dende lonxe, pero ninguén se achegou nunca perto dela polo temor que inspiran as cousas que non son deste mundo. Mais un día, un mozo garrido, máis valente que os demáis achegouse até alí, e mantivo conversa coa moura, quen lle contou que tanto ela coma un grande tesouro que lle pertencía estaban encantados, e que si el quixera axudarlle a rachar aquel encatamento casaría con el e entregaríalle o tesouro, para iso tiña que vir antes da saída do sol, e naquel lugar ela presentaríaselle en forma de serpe cun caravel na boca, e xa que el estaba amosando grande valor polo simple feito de manter aquela conversa con ela, non tería que facer outra cousa máis que deixarse abrazar polo reptil e retirar cos seus beizos o caravel que a serpe levaría na boca. Foi o mozo á pía onde a moura adoitaba peitearse na noite que sinalaron, xusto antes do abrente; apareceu o reptil co caravel na boca, tal e como llo anunciara, avanzou cara el, envolveuno nos seus aneis e púxose coa boca diante dos beizos do mozo para que el lle ripara a flor, pero o mozo, ao verse naquela situación, sobrecollido de medo e presa do pánico ceibouse violentamente da serpe que caeu morta converténdose na moura, no mesmo intre o outeiro no que estaban tremeu cun ruido enorme, e fíxose chairo como está hoxe, e como recordo de tal acontecemento ainda se lle chama a aquel sitio “A Chán da Moura”.
Historia recollida por Modesto Martínez Carballal – Francelos