O señor Xan, o Xaragón
Ainda non hai 60 anos as feiras de Ribadavia eran moi concurridas por tratantes de gando. Daquela destacaba a figura do señor Xan, o “Xaragón”, este era un tratante de Garabás, de fina leria e andar sosegado, amigo persoal de Amadeo Amil, colleiteiro do Ribeiro con adega en Francelos, quen tiña un xenio do demo e unha intelixencia natural fora do común.
O señor Xan tiña o andar vagaroso, mais firme e decidido, andaba coa seguridade que dan os anos e os camiños da vida. Entregaba vacas á ganancia, isto quere decir que lles deixaba aos veciños unha vaca por un tempo limitado, para que a mantiveran co acordo de que aprobeitaran o leite. Unha vez a vaca daba en porse forte e dar leite abondo, o Xaragón viña e trocáballa por outra vaca. O señor Xan andaba por canta feira había, recollía vacas nunha aldea e deixabas noutra, nas feiras adoitaba traer varias vacas e bois, a xente viña o día 10 de cada mes a Ribadavia e no Campo da Feira atopaban o animal que mellor lles encaixaba ás suas necesidades. O señor Xan andaba vestido cun levitón gris escuro e cun caxato rematado nunha agillada, que o mesmo dirixía o gando que lle daba con el a calquera que o parase no camiño para sacarlle os cartos, ou lle levantara a voz, porque o señor Xan tiña unha voz moi pausada, pero era de firme carácter e podía albiscar perfectamente quen viña con boas ou malas intencións.
Andaba nas comarcas de Ribadavia e do Carballiño, cando andaba polo Ribeiro nunca perdía a ocasión de xuntarse co seu amigo persoal, Amadeo Amil, quen moitas veces acollíao na Casa do Cano en Francelos, onde o señor Xan aproveitaba para botar unha soneca ou quentar o corpo co aquel viño de brancellao e tintilla que facía o señor Amadeo, que arrecendía nada máis abrirlle á billa.
O Xaragón era un home que estudaba á xente, asegún vira ao interlocutor xa se facía unha idea precisa do seu xeito de ser, abondaba un xesto, unha palabra, o ton de voz ou o xeito de vestir, mesmo de respirar para que o señor Xan fixera unha acertada opinión do individou co que trataba. Estando un día o señor Xan en Francelos na casa do señor Amadeo, xa anoitecía cando unha veciña de Francelos toda pesarosa achegouse ao patio da casa e chamou forte dende o camiño do Cano, “señor Amadeo, señor Amadeo…! ao escoitar chamar o señor Amadeo dixolle á filla máis nova que fose ver quen era. A moziña voi ver e víu na entrada do patio á señora Leonisa, daquela o señor Amadeo achégouse ao patio dende a cima das escaleiras da casa para ver de que se trataba, entón a señora Leonisa medio chorando, coa rabia contida e berrando diríxese a él “Ai señor Amadeo, non estará aí o señor Xan, o Xaragón”?, ao que este respostou “Está si! e logo que che pasaou?”. “Ai señor Amadeo, ese desgrazado, ese ladrón, ese lambón, tróuxome unha vaca esfameada que estaba tuberculosa, e díxome que daba leite, i eu estou farta de darlle de comer e de mantela e non dá nin unha pinga de leite”. De supeto sae o Xaragón que se pon á beira do señor Amadeo, e dende a cima das escaleiras do patio , mirando para ela sóltalle “ti es inocente, pero es tola”!, e asi morreu o conto, quedando a señora Leonisa muda de supeto ante aquela sentencia na que a calma impuñase á carraxe, o sosego ao nerviosismo, e foi quen o señor Xan en trocarlle a vaca desleitada por outra mellor, deste xeito ámbalas partes ficaron conformes, e asi seguiu a vida e o señor Xan de leria co Amadeo Amil.